El FIC Vía XIV vuelve a Verín del 26 al 31 de octubre para celebrar diez años de cine
O FIC Vía XIV volve a Verín do 26 ao 31 de outubro para celebrar a súa décima edición e retomar a actividade do festival, que quedara interrompida en agosto de 2025. Así, este ano o evento recupera a programación prevista para conmemorar a súa década de traxectoria e volver situar o cinema como eixo da actividade cultural da vila durante seis días.
En agosto de 2025, a emerxencia provocada polos incendios forestais que afectaban á comarca obrigou a suspender a celebración do festival. “Naquel momento, tocou poñer o FIC Vía XIV en segundo plano e priorizar o importante”, aseguran desde a dirección. “Adiar un evento destas características non implica soamente mudar a data, xa que un festival non acontece só os días nos que o público ocupa as salas. Hai meses de traballo, equipos profesionais, relacións co tecido local e unha rede de persoas que fai posible que todo iso agrome desde un territorio que queda fóra do gran corredor cultural galego”, aclaran.
A organización do FIC Vía XIV asegura que a pausa serviu para “deter o ritmo habitual e pór en valor todo o que hai detrás dun festival destas características” e, desde aí, reivindicar “a importancia do apoio das institucións á cultura de base como unha forma de construír desde o territorio, contando coas persoas e co tecido que o conforma, xerando actividade e oportunidades e facendo posible que o traballo cultural se desenvolva con profesionalidade e en boas condición”.
Así, a gran festa do cinema volve a Verín tal e como estaba concibida nun primeiro momento. Ademais das seccións oficiais a concurso, tamén haberá unha actividade para a cativada da man de Raquel Queizás, que achegará aos nenos e nenas ao cinema dunha maneira divertida e interactiva; unha colaboración co cineclube local Ordet, con proxección se coloquios; así como a xa clásica convocatoria de Xurado novo, que quere abrir a porta á mocidade de Verín para que coñezan o mundo audiovisual dende dentro. “Teremos tamén, por suposto, a Gala final que será, máis ca nunca, un gran encontro de celebración con toda a veciñanza da vila. Volvemos coas
mesmas ganas de celebrar estes dez anos e de seguir mirando cara adiante”, explican desde a dirección.
A programación irase desvelando ao longo das vindeiras semanas nas redes sociais e web do evento, así como nas canles oficiais do concello.
Leave a comment