O FIC Vía XIV dará o pistoletazo de saída nas rúas de Verín con “Casperverk: músicafóra da pantalla”

Durante esta actividade, musicalizaranse varias curtas e presentarase a programación completa do festival

O xoves 29 de agosto, ás 22:15 bota andar a 9º edición do FIC Vía XIV nas rúas de Verín. O pistoletazo de saída será coa actividade “Casperverk: música fóra da pantalla”, que xa é un clásico do festival. Durante o evento, musicalizaranse catro curtas en directo na Praza García Borbón e, ademais, o xornalista Ivan Iglesias, presentará o programa completo da edición ao público. Carlos Montero, director do FIC Vía XIV, anima “a toda a xente de Verín a asistir a esta inauguración, que sacamos á rúa porque, para a organización, o FIC é un festival que habita Verín”.

Esta actividade, que xa está consolidada como tradición do festival, saca o cinema ao centro da vila indo moito máis alá de proxeccións ao uso. Nela, o grupo Casperverk musicalizará ao aire libre e en directo as curtas Fantasmagorie, Alicia País nas Marabillas e Sherlock Holmes. Casperverk establecerse nos últimos anos como unha das grandes referencias dos cine-concertos de cine mudo en Europa. Cunha bagaxe de máis de trescentos concertos en doce países do continente e máis dunha trintena de filmes musicalizados Casperverk é, a día de hoxe,, un ensemble modular que xunta a varios dos máis destacados intérpretes novos galegos, cunha formación que se adapta as necesidades de cada película.

Deste xeito, Música e audiovisual únense para que todo o mundo da praza poida gozar dunha experiencia envolvente que quere sacar a festa do cinema ás rúas da vila. Dende a organización fan un chamamento a que todo o mundo da vila asista a esta xornada inaugural que, ademais, serve como espazo de encontro entre a veciñanza poñendo o cinema no centro.